A casa do pai
Os máis de trinta capítulos curtos de A casa do pai presentan unha hábil alternancia de tres voces, algúns cambios de perspectiva e sucesivas analepses. A canda estas particularidades, outras opcións estruturais, como a narración en segunda persoa –que consegue un efecto literario de gran potencia– ou a sutil escolla de temas e subtemas, foron, de certo, elementos de peso á hora de que a novela fose distinguida co Premio Euskadi de Literatura, amais de recoñecida como Mellor libro do ano en éuscaro pola Asociación de Librarías de Navarra e mais pola 111 Akademia. Nese abano temático –a miúdo máis suxerido ca evidente– figuran as complexas relacións entre a masculinidade e o feminismo, o inmobilismo, a culpa, a complicidade, a identidade, os segredos, a memoria ou os roles convencionais.